15 oct 2017

Historias encadeadas


Na clase de lingua aprendemos que coas palabras  podemos inventar unha historia, unha historia  encadeada que non sirva de enlace a todos os participantes deste proxecto. Iso foi o que fixemos o curso pasado cos alumnos de 5º e 6º de Primaria e primeiro de Secundaria.
Unha historia creada por eles coa súa trama e os seus personaxes.

Esperamos que vos guste. Este é o resultado



 Carla e María: Os misterios da Raíña Loba



 
Naquela fermosa mañá de primavera unha rapaza pequena asomouse a unha ventá. Era María e esperaba impaciente a Carla, a súa mellor amiga. Eran amigas inseparables desde que aos tres anos, un día no parque, Carla tropezara con María e regaláralle un anaco de chocolate.

María non podía entender como a súa amiga se atrasaba tanto. Tiñan unha visita planeada desde había días; Xian, o avó de María, contaríalles unhas historias de cando era mozo. Estaba moi ilusionada. Encantábanlle esas historias tan disparatadas.


Como xa estaba cansa de agardar, María achegouse á cociña para coller o teléfono e chamar á súa amiga. Comezou a marcar e, xusto cando marcaba o último número, soou o timbre da porta. Así que, deixou o teléfono no seu sitio e achegouse correndo á porta. Era Carla moi nerviosa. María preguntoulle que lle pasaba. Ela, con voz débil, díxolle que de camiño a súa casa, na volta da esquina, vira un accidente. Un ciclista que ía pola beirarrúa caera ao chan e mancara unha perna. Ela intentou axudalo, colleu o móbil e chamou á ambulancia. Mentres esta chegaba estivo con el durante vinte e cinco minutos; por iso chegaba tarde.

 Como a viu nerviosa, María ofreceulle unha tila. Carla deulle as grazas, pero rexeitouna porque xa estaba calmada. Entón, María dille a Carla que teñen que liscar porque chegan tarde á cita con Xian.

As dúas amigas van correndo cara á estación de autobús para coller o 15-A, o da praia. Pois o avó vive nunha pequena casa de pedra preto da praia. A casa ten unha planta e, ao carón dela, hai un pequeno xardín cunha fermosa árbore, un piñeiro. Debaixo da árbore hai un banco de pedra no que, nas mañás de verán, María senta a ver o mar.



 

Ao chegar á estación, mentres agardaban polo autobús, sentan nun banco a falar.

María pregúntalle a súa amiga Carla como cre que vai ser a historia que lles vai contar Xian, pero son interrompidas polo son do chifre do autobús. Xa no autobús, Carla distingue unha figura coñecida.

-       É Antón      - di Carla -   o meu curmán maior.

-          Ola¡   - saúda Antón     - a onde vas?

-             Vou con María a visitar ao seu avó   - responde Carla.

-            E onde é a súa casa?    - pregunta Antón.

-            Preto da praia   - responde a nena.




 Nese intre María dille a Carla que están preto, que na próxima parada teñen que baixar. Así que esta despídese do seu curmán e achégase á porta.

Cando baixan do autobús, Carla fíxase en algo que hai na area, unha pelota. A pelota vai rodando pouco a pouco movida polo vento, pero, de súpeto, párase.

Fíxase ben e decátase de que é un cangrexo quen a para. Para ser un cangrexo é bastante grande. Coméntallo a María, pero ela non lle dá importancia e proponlle ir  tomar un Colacao. Carla acepta. As dúas achéganse á cafetería da praia. Alí atópanse coa súa vella amiga Xulieta, esta, ao velas, ponse moi feliz. Todas piden un Colacao e comezan a falar. Cóntanlle que o avó de María as espera na súa casa. Xulieta pregúntalles se pode ir ela tamén e elas aceptan.
O reloxo da cafetería di que son as doce da mañá, a hora de irse. Saen correndo ata a praia coma tolas, pero, antes de chegar, atópanse con Xoán, un mozo que vive preto do mar e que acostuma a regalarlles peixes que pesca coa súa cana, falan un ratiño con el.

Ao rematar a conversa, van andando pola beira da praia, e, case sen darse conta, están na casa de Xian.

Cando entran, Xian non está!

Moi preocupadas e nerviosas van a comisaría. Alí atópanse co ciclista, este axúdaas a buscar a Xian. Mentres o están buscando, o ciclista agradécelle a Carla que chamara á ambulancia mentres el tiña a perna ferida. Despois de moito tempo de busca, atopan ao avó na praia tomando o sol. Achéganse a el e pregúntalle:


-    Ola Xián, que fas? - di Carla.

-        Anda se son Carla e María! Que vos trae por aquí?     - responde Xian.

-     Non lembras? Tiñamos unha cita contigo     -  responderon as nenas a coro

 -      Si, pero era ás doce e aínda son as once e media   - respondeu el.

-      Pero se xa son as doce e vinte!    - dixo María sinalando o reloxo.

-    Non me digades!     Paroume o reloxo    - dixo o avó achegando o reloxo ao oído.


Entón o avó e as nenas marchan para a casa de Xian. Cando chegan, ven algo moi estraño na casa. Unha inundación!        Oh deus!                     Que podería ter pasado?

Xian vai rapidamente ao baño, xa que podería ser que un cano do lavabo rompera, pero María dáse conta que... non é un cano roto é unha billa que quedou aberta, así que a pecha.


Mentres están secando a casa, Carla ve tirada no chan unha pulseira cun nome. O nome resúltalle curioso e é tamén algo familiar. É o nome do seu curmán Antón. Tamén hai unha foto del. Está estrañada, de que coñecería o avó a Antón?

Carla dille en baixo a María


-       María, ven, mira que encontrei. Como pode ser?

-     Antón?  Non sei, que raro! Eu non sabía que Xian coñecía a Antón vou  preguntarlle    - di - Xian?

-    Que queres María?

-       Encontrei unha pulseira e unha foto dun amigo meu chamado Antón, de que o coñeces? - pregunta


-            Antón? Non me lembro – responde o avó.

-        Tes que  lembralo    - din as nenas á vez.

-      Ahhhhh,     xa me lembro!

-        Cóntanolo, por favor¡¡¡¡¡   -- piden elas.

-        Veña , está ben.

-      Beeeeen!  - din elas.

-      Un día, no parque de Castrelos fun a sentarme preto dos bambáns e encontrei a unha nena moi amable...

-           Espera, esperaaaaa   -   di María.

-      Que queres?    - pregunta o avó.

-      Esa nena quen é?

-           Espera, atende. Ben sigo – di lanzado-   esa nena chamábase Renata e buscaba un tesouro.


Un tesouro que contaba unha lenda de, hai moito tempo:

Nun pobo de Castrelos vivía unha raíña chamada “ a Raíña Loba”.  




Chamábase así pola súa crueldade. Cada ano obrigaba aos pobos dos arredores a darlle unha parte da súa colleita. Un día un mozo que viña de fóra, farto das crueldades da raíña enfrontouse a ela. O mozo ganou e tirou á raíña do seu penedo.


O peite da raíña era de ouro e por iso Renata buscábao. Estaba enterrado coa pulseira e coa foto que Xian tiña na súa casa:

Carla dixo:

- E onde está o peite dourado agora?

Xian contestou:

- Está gardado. Esperade que xa o traio para que o vexades. Cando trae a caixa ábrea e vese o peite resplandecente era de ouro macizo con pedras preciosas.


 De súpeto chamaron á porta. Eran uns señores vestidos de negro e querían o peite. Entre eles estaba Antón, o curmán de Carla. Este, colleu a Xian e contoulle a historia:



Cando morreu a Raíña Loba enterrárona co seu peite onde estaba o piñeiro. Cando o Piñeiro medrou as súas raíces levantaron o peite e Xian colleuno.




No peite descansaba a alma da raíña e por iso o avó  gardouno. El sabía a historia porque era o neto do forasteiro que matara a Raíña Loba.


Pola tardiña Carla e María marcharon da casa do avó e prometeron volver ao día seguinte para que lles contara máis historias.






No hay comentarios:

Publicar un comentario