Chega o outono e con el as castañas, as
caveiras de melón, os calacús ; chegan
as augas e os tempos escuros, remata o verán e encétase o inverno, vaise a
calor e vén o frío inverno: acaban as romarías ao sol e inícianse os fiadeiros
a carón do lume: son os tempos de Samaín, tempos de bruxas e meigas.
Samaín, palabra gaélica, non significa máis que fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura céltica o tempo de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 e novembro, era o período máis importante do ano. Eran datas claves para se reunir nos camposantos, comer o ritual e comunal porco de samaín e concelebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as portas do outromundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores: tantas veces para render contas inacabadas.
Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas e
errantes adoitaban poñer no alto das muradas, ou encastradas nas paredes, as
caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña. De aquí, dos ritos e
crenzas célticas ao redor da caveira, vén a tradición europea de facer
caliveras na cortiza dos melóns, ou cabazos, ou calabazotes.
Tradición que, grazas ás investigacións do profesor galego Lopez Loureiro,
sabemos que se estende por toda a antiga xeografía céltica europea e
concretamente para o caso de España, por todas as zonas con presencia do
elemento céltico ben documentado. En Galiza atopámola en toda a súa xeografía,
non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e aportando un
folclore similar aínda que dándolles nomes diferentes: calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense...etc.
O Samaín é o antecedente europeo do Halloween americano. Tradición de orixe
europeo foi levada polos emigrantes a terras americanas e de alí transmutouse
nun carnaval outonal.
É unha tradición aínda hoxe presente en
numerosas pedanías rurais das comunidades do norte e centro da Península
Ibérica: Galiza, Asturias, Aragón, Cantabria, Castela-León, Madrid, Cuenca,
Guadalajara..etc.
No noso colexio celébrase o Samaín cunha
exposición de cabazas e cun obradoiro de maquillaxe para todos aqueles nenos e
nenas que queiran participar. Ambientamos o colexio e adornamos as clases con
morcegos, esqueletos, bruxas e diaños.
O
VINDEIRO 30 DE OUTUBRO AÍ NOS VEREMOS, O SAMAÍN NO BOUZA BREY