O SAMAÍN NO BOUZA BREY. CABAZAS, BRUXAS, MEIGALLOS,CONXUROS.... TODO É POSIBLE. PASARÁS MEDO, MOITO MEDO, PERO TAMÉN SERÁ DIVERTIDO.
O martes 29 de outubro celebramos no colexio o Samaín. Neste curso 2013-14 o equipo de Dinamización escolleu o tema das BRUXAS E AS BRUXARÍAS .
Os alumnos de Infantil realizaron unha vasoira de bruxa voadora e uns colgables de cabazas e os de 1º ciclo de primaria uns gorros de bruxa que quedaron así de bonitos.
Os alumnos de 3º. 4º, 5º e 6º estivemos creando uns colgables móbiles coa figura dunha bruxa e quedaron así de ben na clase.
Ademais arranxouse o salón de actos do colexio como unha auténtica caverna de meigallos e feitizos máxicos con dúas meigas de carne e óso que nos meteron moito medo. Nesta caverna os alumnos gañadores do concurso de conxuros e pócemas máxicas leron as súas fantásticas creacións. Déixovos aquí algunhas delas para que vexades como se luciron os nosos alumnos...........
CONXURO PARA A QUEIMADA DE SAMAÍN
Aves, peixes, curuxas e pequenas bruxas,
magos, maguiños e sapos pequeniños:
ventás do norte, ventás do sur,
bosques escuros e vacas azuis
gruñidos de estómago e místicas herbas.
Seres mitolóxicos, elfos e gnomos.
Tronos da ira, dóuvos a benvida
para que este Samaín, chegue ben ao seu fin.
Mel de ollo, sae de diante,
trolls e ogros fóra dos meus ollos.
Voitres sen pluma e corvos sen peteiro
calamares con dentes e crackens fedorentos
os pés descalzos de magos apestosos.
Iras dos ventos furacanados, terremotos da terra,
avalanchas das neves e sunamis do mar,
eu pídovos: verdadeira felicidade e que aquí e agora
todas as cousas malas desaparezan e non volvan.
Autor: Greta De la Prieta 5º primaria
CONXURO DA MEIGA
Bruxa bruxada
alento de fada
cabeza de sapo
córneas de gato.
Corvos do inferno
sangue de cervo
trae á miña cova
feitizos de loba.
Cova coveira
lume de fogueira
trae ao meu carón
patas de pichón.
Amigos de Satán
collédevos da man
e que a Santa Compaña
vos cegue de lagañas.
Desexo con este meigallo
un Samaín de agasallo.
Autor: Roi Darriba Freire 6º primaria
CONXURO DE SAMAÍN
Outubro , o mes das bruxas¡
Ollos de sapo, patas de cabra
que teñas sorte para toda a semana.
Ás de aguia, orellas de coello,
que teñas sorte no mes de xaneiro
uñas de porco, nariz de elefante
que nunca ninguén che quite o teu colgante.
Escamas de crocodilo, cola de can
que sexas feliz todo o verán
Vasoira, vasoiriña
sombreiro voador,
aprende este conxuro
e serás o mellor.
Autor: Abrahán Coello 5º primaria
Por outra banda, todos os rapaces de primaria participaron nun concurso de cabazas coas que fixemos unha exposición expeluznante e os de secundaria leron neste escenario tenebroso os seus terroríficos e ao mesmo tempo divertidos relatos de meigas e meigallos.
AS NOSAS BRUXAS PARTICULARES DO BOUZA BREY |
Este ano houbo tanta participación no concurso de cabazas que as profesoras tiveron que dar vinte diplomas para agasallar a todos os gañadores.
Exposición das cabazas |
Na cova da bruxa as profesoras Lourdes e Bea apareceron vestidas de bruxas e daban terribles sustos aos rapaces máis despistados.
Abrahán na lectura do seu conxuro |
No salón de actos, convertido nunha auténtica caverna enmeigada os rapaces puidemos visualizar algunhas curtametraxes relacionadas coa noite dos espíritos como A bruxa regañadentes ou A meiga chuchona.
Os alumnos de secundaria informáronse da historia dunha insólita bruxa galega chamada María Soliña, que foi queimada na fogueira. O grupo Astarot realizou un vídeo sobre a vida desta muller e adicoulle esta canción que leva o seu nome.
Pasámolo de medo e esperamos con impaciencia a chegada do vindeiro SAMASÏNNNNNNN
No hay comentarios:
Publicar un comentario