27 abr 2015

Bibliotecas Viventes no Verbum

O 15 de abril os alumnos de 1º e 2º da Eso fomos de visita ao Verbum. Alí, participamos nas Bibliotecas viventes "Grandes Tesouros". Nesta biblioteca, os libros son persoas con historias singulares, coñecementos e experiencias. Tivemos que escoller tres libros dos doce e buscar no plano a ubicación exacta do Libro.



Deixámosvos unhas fotos dos libros vivintes que máis lles gustaron aos nosos alumnos

Aos alumnos de primeiro da ESO o que máis lles gustou foi  o número 9 que levaba por título A nai que me pariu. Contaba a historia dun Regueifeiro (Só hai sete en Galicia), da súa vida singular, ensinounos a facer regueifas e cantamos unha copla entre todos, isto nos contaba David e Rodrigo. Estes rapaces quedaron encantados coa súa historia e co xeito de facer unha regueifa empregando o inxenio e a rima.





 Josiño do Viso contando as súas experiencias como Regueifeiro. Xa coñecía aos alumnos do Bouza Brey porque el tamén estivera en Valadares regueifando con  Caruncho e Pinto



Outros, como Lucía ou Paula , elixiron o número 10: Non dar puntadas sen fío. Alí contáronlles a historia dunha muller que traballou para grandes modistos internacionais pero que decidiu voltar á súa terra e identificarse coa historia do seu pobo a través da súa vestimenta. Hoxe en día traballa elaborando traxes artísticos da Reconquista. O que máis lles gustou foi un bolso que ela fixera para levar a pandeireta dun lugar a outro.


Patricia,  a nosa costureira particular, nun momento do seu relato




En cambio, a Izzan gustoulle moito o libro número 5 : Cando as formigas xogan coa música, falaba unha rapaza chamada  Alba María e contoulles que a ilusión da súa vida era cantar e traballou arreo ata conseguilo porque segundo esta moza os soños hai que perseguilos e nunca debes darte por vencido. Con ela cantaron unha canción e pasaron uns intres moi divertidos.




Por último a Uriel e a Esther gustoulles moito o libro 4 : Na gamela co asasino  e o número 11: Tres estacións nun só día. O  primeiro conta a historia dun rapaz que viaxou nunga gamela co asasino do seu pai sen sabelo e anos máis tarde decatouse desa historia. No segundo conta a historia dun vello mariñeiro que añora o mar e relata as súas experiencias dende Bouzas ata a fin do mundo.





11 abr 2015

VISITA A LUGO



O 9 de abril dentro do Proxecto Terra os alumnos de Secundaria fixemos unha visita a Lugo. Estudamos a arquitectura popular, o novo plan de rehabilitación do casco antigo, percorremos a súa muralla, visitamos o seu museo, a catedral e a Casa dos Mosaicos, unha espectacular Domus situada debaixo da propia cidade cunha infinidade de restos arqueolóxicos aínda por descubrir. Acompañáronnos dúas guías  e con elas coñecemos máis a fondo esta marabillosa cidade, unha das máis antigas do Imperio Romano. Deixámosvos unhas fotos para que vexades a nosa andaina.



Aspecto da Muralla de Lugo considerada Monumento Nacional



Mosaicos conservados  dentro do Museo Provincial da Cidade

Diante da Catedral de Lugo

Piscina romana conservada







Galería do museo, antigo convento franciscano