6 dic. 2016

Receitas Samaín. Cabazas e Calacús


Os alumnos de 1º da ESO  realizaron polo Samaín unha tarefa que levaba por título Cabazas e calacús onde aprenderon a realizar una receita de cociña e elaboraron una ficha con todo o vocabulario relacionado: receitas, ingredientes, utensilios.

Deixámosvos unha listaxe de todas as palabras novas que aprenderon:

Substantivos como culler, culleriña, cullerón, garfo, coitelo, escumadeira, cacerola, cunca, tixola, tarteira, espremedor, batedor,  manteiga, azucre, leite, amorodo, ovos, framboesas, zume, cenorias, pementos, fariña, mel, fermento.

Verbos como cocer, fritir, fornear, torrar, pelar, escoar, bater, remexer,arrefriar, refogar,  engadir, espesar, esmagar, levedar,  mesturar, relar.

Adxectivos como saboroso,  espeso, brando, mol, doce, salgado.


Para rematar elaboraron as súas receitas de cociña feitas principalmente con CABAZAS. E incluso dúas compañeiras agasalláronos co seu postre para que todos degustaramos a súa receita.

MOITAS GRAZAS SOFÍA E NURIA YU 

Aquí vos deixo o enlace para que vexades as RECEITAS  e BO PROVEITO






10 nov. 2016

SAMAÍN 2016



                                                  O SAMAÍN NO BOUZA BREY

Este curso, una vez máis, celebramos no colexio a xa tradicional festa do Samaín. Fixemos a exposición de cabazas no Salón de actos do colexio. Para poder acceder á exposición había que pasar polo túnel das tebras onde pequenos e maiores tiveron que sortear momias, esqueletos e pantasmas ata chegar ao seu destino. O salón de actos estaba ambientado para a ocasión e producía arrepío achegarse. No seu interior realizouse un obradoiro de maquillaxe especial para este día.
AQUÍ  tendes un enlace para ver o album de fotos desta celebración.

Rematamos coa entrega de diplomas a todos aqueles participantes e non queremos máis que agradecerlles ás colaboradoras do Anpa e aos alumnos de 4º da ESO que estiveron con nós toda a mañá traballando arreo para que os nenos e nenas saísen do colexio coa cara pintada de esqueletos, lobishomes, mortos viventes, zombis, vampiros e vampiresas. Todos eles conseguiron que o mundo das almas en pena e dos mortos  entrase no  colexio e  celebrasen con nós esta tradicional festa galega.
Para aqueles pais/nais que non poidestes asistir á exposición deixámosvos un enlace a dúas curtametraxes que viron os alumnos de secundaria sobre os vampiros e a Santa Compaña.

6 jun. 2016

LETRAS GALEGAS 2016


Este ano as Letras Galegas foron adicadas ao poeta Manuel María. Aportou unha contribución esencial á poesía galega do século XX inaugurando a Escola da Tebra co seu poemario Muiñeiro de Brétemas (1950).   A súa obra abrangue unha ampla temática, dende o intimismo ata a denuncia social e política.

Dende o colexio quixemos facer a nosa contribución ás Letras galegas e a Manuel María así como tamén dar a coñecer a súa figura aos nosos alumnos e alumnas. Todos participamos nun recital poético e os de 2º da ESO realizaron un manifesto poético en Loanza dos nosos antergos, da nosa terra e do mesmo Manuel María.

LOANZA A GALICIA

Porque é a nosa lingua,

a máis fermosa de todas,
procedente do latín
fálase a todas horas.

Falada polos nobres

das nosas terras galegas
e polos grandes escritores
de todas as vilas antergas.

Falada hai moito tempo

en Galicia e Portugal
e case a leva o vento
de forma moi natural.

No século XVI

o galego non se fala
a disputa de Isabel
aos nosos nobres enganara.

No século XVII

no medio desta tortura
no século XVII
o galego non perdura.

No século XVIII

comeza a renacer
e xa se usa moito
no tempo de lecer.

Porque é a nosa lingua 

a máis fermosa de todas
procedente da Gallaecia
fálase a todas horas

O poeta Manuel María

é homenaxeado este ano
dentro das Letras Galegas
é o autor máis sonado.

Escribiu sobre a Terra Chá

escribiu sobre a natureza
os seus poemas a Galicia,
feitos con moitas destreza.

Aquí tedes algúns deles

os que queirades escoitar
os meus compañeiros de 2º
algúns vos van recitar.

O Manifesto poético foi lido no Parque de San Juan, preto do colexio e alí fomos todos os rapaces dende 1º de primaria ata 2º da ESO. Os nenos de secundaria levaban pandeiretas e os  de primaria axitaban unhas bandeiras cun poema de Manuel María que dicía:

GALICIA SOMOS NÓS:
A XENTE E MAIS A FALA.
SE BUSCAS A GALICIA
     EN TI TES QUE ATOPALA.     

Aquí tedes o vídeo do recorrido, onde aparecen os nenos, os profes e os veciños dos arredores saíndo ós balcóns para ollar e animar aos nosos alumnos.
CORRELINGUA 2016 from Colexio Bouza Brey on Vimeo.




Os alumnos de Infantil aprenderon varias palabras novas dos poemas que lles leron os compañeiros de 1º da ESO na Biblioteca do Colexio. VAGALUME, BOLBORETA E LUCECÚ foron as palabras que elixiron os de Infantil para ilustrar as súas bandeiras e tamén aprenderon a poesía O barco de Manuel María.

 Teño un barco de xoguete
e nel me quero embarcar.
Polos mares dos meus soños,
quen me verá navegar!!!!


Navegarei por mil ríos,
sete mares hei cruzar,
no meu barco de xoguete,
cansarei de viaxar!!!


Durante a  semana que festexamos no colexio as LETRAS GALEGAS  os alumnos de Secundaria continuaron coa actividade que tivo tanto éxito o ano pasado de XOGOS POPULARES E TRADICIONAIS. LEMBRANZAS DO PASADO.  En concreto, varios grupos de alumnos saíron ao recreo dos de primaria e ensináronlles os xogos cos que se divertían os avós e as avoas. Deixámosvos algunhas fotos para que vexades que ben o pasaron todos.








20 abr. 2016

MUSEO DE PONTEVEDRA


VISITA MUSEO DE PONTEVEDRA

O mércores día 6 de abril fixemos unha visita ao Museo de Pontevedra. Foron os alumnos de 3º e 4º da ESO, que se dividiron en dous grupos.
Terceiro  fixo unha visita máis ampla pois viron a escultura e a pintura dende o Paleolítico ata o século XX. Vimos o Tesouro de Caldas, Miliarios romanos, o retablo de San Acadio, da época medieval, informáronos da biografía da violinista Van Kuijl, que morreu moi nova, e do século XX unha interesante exposición de Castelao.
Cuarto empezou visitando o museo dende a época medieval, tamén co Retablo de San Acadio, pero a visita centrouse sobre todo na pintura dos séculos XIX e XX, moi abundante. Do século XIX chamounos a atención a “Xeración Doente” un grupo de pintores que morreron moi novos todos eles  de tuberculose, destacando a figura de Ovidio Murguía. Vimos como pouco a pouco Galicia vai integrándose na vangarda, destacando os Renovadores da Arte Galego, que teñen como ideólogo a Castelao, destacan as pinturas de Colmeiro e Laxeiro. Dos anos 80, as do Grupo Atlántida, co que se consolida definitivamente a modernidade caracterizada polo neoexpresionismo, destacando Monroy, Leiro ou Moldes.

Foi unha visita moi entretida na que o guía fixo participar constantemente aos rapaces e convidounos a visitar de novo o museo cos seus amigos.







30 mar. 2016

REGUEIFAS 2016

As Regueifas representan unha tradición oral galega que se pretende recuperar hoxe en día.  Esperamos entusiasmados a chegada dos regueifeiros Luís O´Caruncho e Pinto d´Herbón que cada ano, con paciencia, conseguen extraer o mellor dos nosos alumnos para convertelos en grandes regueifeiros.














Un ano máis os alumnos de Secundaria participaron no certame de Regueifas en Valadares. O 4 de marzo viaxamos ilusionados a Valadares para animar aos nosos compañeiros de 2º e 3º da ESO que foron seleccionados. Natalia Brandariz,  Eva Fernández, Esther Lago, Izzan Loroño,  Mario Coteño, Mario Cebreiro, Paula Martínez, Pablo Castro, Lucía Jorge e Desirée Cameselle representaron ao colexio Bouza Brey coas súas coplas.













Déixovos algunhas coplas para que vexades.











                                         

















.















7 mar. 2016

As verbas de Rosalía

O pasado 24 de febreiro celebrouse o día de Rosalía de Castro, aproveitando esta conmemoración, os alumnos e alumnas de 5º de primaria achegáronse á obra desta autora do Rexurdimento mediante a ilustración e recitado dalgunhas das súas creacións máis destacadas. Aquí deixamos unha presentación como mostra do traballo realizado.

Día de Rosalía_5º_2016 from Colexio Bouza Brey on Vimeo.

28 feb. 2016

DIA DE ROSALÍA DE CASTRO







 Un ano máis o Colexio Bouza Brey sumouse á Celebración do DIA DE ROSALÍA DE CASTRO. A nosa ilustre literata, símbolo dunha época, muller loitadora e cunha profunda sensibilidade, foi homenaxeada un ano máis polos alumnos do noso centro cun recital poético. Cantares Gallegos, o seu libro máis emblemático foi revisado por unha multitude de mans que desexaban coñecer o seu contido e recitar os seus poemas.






  



24 de febreiro do 2016

O Colexio Bouza Brey con Rosalía

O mércores 24 de febreiro celebramos no colexio o DÍA DE ROSALÍA cun recital poético dos poemas máis representativos de Cantares Gallegos.Os alumnos de 1º e 2º da ESO fixeron unha escolma cos poemas de Rosalía e con eles elaboraron unha postal coa que agasallaron aos compañeiros de primaria. Recitaron as súas poesías e agasallaron aos nenos cunha postal rosaliana.























Os alumnos de 3º da ESO recibiron unha charla sobre Rosalía de Castro onde o conferenciante fixo unha exposición pormenorizada sobre a vida e obra da nosa autora asi como a importancia que tivo para o Rexurdimento das Letras Galegas.  Tamén estiveron na Casa Museo da nosa autora e fixeron un percorrido moi interesante polas súas salas. Se queredes ver máis déixovos o enlace: